Galegos e Portugueses: Miradas antropolóxicas cruzadas


Galegos e portugueses. Miradas antropolóxicas cruzadas

O Centro de Artesanía Tradicional do Concello de Vigo CAT, organiza durante o mes de novembro a cuarta edición do Seminario Galego de Etnografía baixo o título “Galegos e portugueses. Miradas antropolóxicas cruzadas”. Descargar PDF.

Nestas xornadas, que se desenvolverán no Museo do Mar de Galicia todos os sábados do mes en horario de mañán e no CAT na tarde do venres 14, oito prestixiosos antropólogos das universidades de Galicia e Portugal, achegarán aos participantes aos seus traballos de investigación sobre as pluralidades das identidades e identificacións galegas e portuguesas.

O seminario quere continuar a construír un xogo de espellos reflexivos que nos axude a entender mellor quen somos e a onde vamos. As relacións transfronterizas e as transnacionais entre a Galiza e Portugal son unha realidade histórica sobre a que convén pensar antropolóxicamente.

O Seminario Galego de Etnografía é unha das actividades formativas que organiza anualmente o CAT dende 2006 dentro do seu programa de protección, recuperación e difusión do patrimonio etnográfico galego.

A proposta deste ano ten como base a experiencia de cooperación en rede entre as universidades galegas e do Norte de Portugal nas cales a antropoloxía ten un papel fundamental no ensino e na investigación.

En palabras de Eudosio Álvarez Álvarez, Concelleiro Delegado da Área de Patrimonio Histórico “a situación de Vigo neste contexto é de liderazgo nas relacións co Norte de Portugal, o que fai da cidade o contexto idóneo para coñecer o traballo que os antropólogos fixeran e están a facer neste sentido”.

Como exemplo destas relacións, o único cesteiro en activo da cidade, pertencente a terceira xeración de cesteiros portugueses asentados en Vigo, mostrará en vivo o seu valioso saber.


Xunta de Galicia

Museo do Mar de Galicia

Avenida Atlántida 160. 36208 Vigo.
T 986247750
F 986247748
Contacto | Traballa con nós | Amigos do Museo do Mar