A diversidade biolóxica e a abundancia de recursos dos que gozan as costas galegas é debido á confluencia de factores oceanográficos e xeolóxicos que garanten un hábitat propicio.
Os sedimentos e depósitos que se forman no litoral son o resultado da interacción entre ondas e correntes mariñas como responsábeis dos procesos de erosión e sedimentación da costa. Complétase esta sedimentación coa carrexa que traen as augas dos ríos e os fragmentos de partes duras dos organismos que viven na costa, bivalvos, gasterópodos, algas calcáreas, ourizos, lapas, etc. Para estudar os fondos mariños utilízanse ferramentas como as expostas, a testemuña de gravidade ou a Draga Van Veen.
A costa cantábrica e a costa atlántica de Galicia teñen distinta orientación e a morfoloxía tanto dos fondos mariños adxacentes, como das rías, é diferente. As Rías Altas, son en xeral menos profundas cas Baixas e os seus leitos fluviais son de menor entidade; ademais, nas entradas non hai illas que protexan o seu interior do mar aberto, como ocorre cas Baixas. Tamén hai diferencia na cobertura, sedimentaria, con predominio da lama nas Rías Baixas e de area nas Rías Altas. As nosas costas son un exemplo de como unha axeitada combinación de afloramento costeiro e complexa topografía, na que salientan as Rías, orixina unha gran riqueza de especies peláxicas, bentónicas e demersais.
O recortado da costa galega fai que esta sexa a comunidade autónoma, despois das Illas Canarias, que máis quilómetros posúe con case 1.500. Hai uns 18.000 anos o nivel do mar achábase a 120 metros por debaixo do actual. Este foi subindo un metro cada 100 anos ata hai uns 6.000 anos que se estabilizou, inundando antigos leitos fluviais para orixinar as rías tal e como as coñecemos agora.
Avenida Atlántida 160. 36208 Vigo.
T 986247750
F 986247748
Facebook | Twitter | Contacto | Traballa con nós | Amigos do Museo do Mar